spot_img
InicioGaliciaA terceira edición de ‘Cultura no Camiño’ achegará 316 actuacións escénicas e...

A terceira edición de ‘Cultura no Camiño’ achegará 316 actuacións escénicas e musicais a 93 concellos das Rutas Xacobeas

terceira-edición-‘Cultura no Camiño’-achegará-316-actuacións-escénicas-musicais-93-concellos-Rutas-XacobeasA directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentaron hoxe en Santiago a nova programación do ciclo ‘Cultura no Camiño’, que se desenvolverá do 15 de abril ao 30 de setembro nun total de 93 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.

Na súa terceira edición, o programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela despregará unha carteleira de 316 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 138 formacións artísticas galegas. Neste sentido, articúlase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.

Cun orzamento superior aos 500.000 euros, na organización deste programa participan a Xunta de Galicia –a través de Turismo de Galicia e da Agadic– e os 93 concellos inscritos, que asumen unha parte dos cachés artísticos. Vólvese contar, ademais, co patrocinio de Gadis, cuxo director de Marketing, Antonio Cortés, participou tamén na presentación desta nova entrega de ‘Cultura no Camiño’.

Desestacionalización
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou que o Camiño de Santiago continúa a ser un fenómeno plenamente actual e converteuse nun símbolo de identidade, un elemento desestacionalizador e captador de turismo internacional que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que as actuacións de conservación, mantemento e promoción da Ruta Xacobea son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia. Neste senso, Nava Castro afirmou que ‘Cultura no Camiño’ incrementará un ano máis a vertente cultural desta experiencia única, sumando un importante atractivo adicional para peregrinos e visitantes.

Escolma da produción galega
Pola súa banda, o director da Agadic incidiu na implicación dos concellos na posta en marcha desta iniciativa, que se desenvolve como complemento á súa oferta habitual. Subliñou tamén que o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Xoel López, Talía Teatro, Teatro do Atlántico ou Malasombra, citando tan só algún dos 138 grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Serán, en total, 138 representacións de teatro e danza, 80 actuacións musicais, 55 de maxia e 43 de novo circo.

En canto á distribución territorial da actividade, ‘Cultura no Camiño’ foi ampliando progresivamente o número de concellos implicados desde a súa primeira edición, celebrada na segunda metade de 2013. Todos os municipios participantes están situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

Por provincias, 34 concellos coruñeses acollerán 111 actuacións; en Lugo, 21 concellos ofrecerán 70 espectáculos; 15 concellos de Ourense porán ao dispor do público 60 funcións; e en Pontevedra, 23 concellos programarán un total de 75 representacións.

O calendario de actuacións estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/Axenda), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).

- Publicidade -spot_img