spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA situación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero a...

A situación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero a debate na Escola de Igualdade María Vinyals

O Castelo de Soutomaior acolle o xoves a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals sobre a situación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero coas voces máis relevantes do panorama galego e estatal

A presidenta da Deputación de Pontevedra vén de anunciar que o vindeiro xoves terá lugar no Castelo de Soutomaior a xornada anual programada pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, que este ano estará dedicada ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero co obxectivo de “achegar o Pacto de Estado á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas das violencias machistas”.

A presidenta destacou que “as mulleres que participarán na xornada, todas elas moi potentes, realizarán unha análise rigorosa dende o ámbito xurídico, social e sanitario de grande relevancia sobre o Pacto de Estado”. Neste eido, as poñentes van afondar nas implicacións da súa aprobación e reflexionar sobre a súa evolución desde diferentes perspectivas, dirixíndose ao persoal da Administración local, ao persoal dos Centros de Información á muller e a aquelas persoas que traballan na loita pola igualdade e contra as violencias machistas.

O evento traerá á provincia a mulleres da talla de Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto, Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez, Rosana Izquierdo e Paz Filgueira

A xornada, que traerá ata o Castelo de Soutomaior a mulleres da talla de Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, María Luisa Soleto, Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez, Rosana Izquierdo e Paz Filgueira, espertou unha grande interese xa que en 24 horas dende o anuncio da apertura da inscrición esgotáronse todas as prazas.

A Escola de Igualdade María Vinyals arrancará a xornada anual ás 9.30 coa inauguración oficial. Media hora despois terá lugar a conferencia sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado a cargo de Ángeles Álvarez, militante feminista que desenvolveu un papel clave na posta en marcha do pacto e tamén para conseguir que o goberno cumprise a súa promesa de destinar 200 millóns de € este ano á posta en marcha de medidas contempladas no mesmo.

En 24 horas dende a apertura da inscrición esgotáronse todas as prazas ofertadas para participar nesta actividade da Escola de Igualdade María Vinyals

Ás 12 horas terá lugar a mesa redonda titulada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participan Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, e María Luisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Xa pola tarde, a partir das 16 horas, celebraranse os tres obradoiros. Neste eido, haberá un obradoiro titulado “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; outro nomeado “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, impartido por Yolanda Domínguez, artista visual e experta en Comunicación e Xénero; e finalmente “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero”, a cargo de Rosana Izquierdo, médica de atención primaria e responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Finalmente, ás 18.30 horas, desenvolverase a clausura da xornada “Pacto de Estado. E agora que?” a cargo de María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo.

A Escola de Igualdade María Vinyals comezou a súa andadura no ano 2016 e converteuse en pioneira en Galicia e nunha das poucas escolas destas características que existen no estado. No seu primeiro ano, puxéronse en marcha dúas xornadas sobre políticas de igualdade e muller e liderado e, no 2017, organizouse outra sobre violencias machistas, todas elas no Castelo de Soutomaior.

 

- Publicidade -spot_img