spot_img
InicioGaliciaA CoruñaA segunda edición do concurso ‘Inventa en galego’ premia a innovación científica...

A segunda edición do concurso ‘Inventa en galego’ premia a innovación científica feita entre a mocidade e na nosa lingua

a-segunda-edicion-do-concurso-inventa-en-galego-premia-a-innovacion-cientifica-feita-entre-a-mocidade-e-na-nosa-lingua

A entrega de premios da segunda edición do concurso ‘Inventa en galego’, co que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrouse na Coruña, nun acto no que tamén se entregaron os premios ‘Sensores para todos’, que perseguen facer unha utilización tecnoloxicamente interesante dos sensores de Arduino ou Lego.

‘Inventa en galego’ é unha proposta que IGACIENCIA –Institución Galega da Ciencia- lles fai aos centros educativos de Galicia para que elaboren unha App Android na linguaxe de programación App Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan.

Para o secretario xeral de Política Lingüística, “o galego debe ter presenza en todo o espazo da ciencia e da tecnoloxía, pero máis se cabe naqueles eidos como o da invención de Apps para móbiles, que repercuten directamente nos usos da mocidade”. Valentín García asegurou que “o índice de modernidade dunha lingua establécese, actualmente e en boa medida, a partir do seu uso nas tecnoloxías, ámbito no que o galego está ben situado”.

García Gómez estivo acompañado neste acto, celebrado no Centro Ágora, por Inés Ben e Manuel Díaz, responsables de IGACIENCIA; pola concelleira de Ensino, Cultura e Desenvolvemento Económico de Brión, Yolanda Bouzas; e por representantes dos centros escolares galardoados.

Proxectos e centros premiados
Nesta segunda edición do certame, na categoría ‘Inventa en galego’, o primeiro premio correspondeulle ao IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña pola súa App ‘Galician’. Trátase, tal e como describiron os seus deseñadores, de 1º de bacharelato, “dunha aplicación para dar a coñecer Galicia, cos seus hoteis, restaurantes, as zonas máis destacadas… unha App que ten que ver co turismo e a hostalaría dentro da nosa comunidade’.

a-segunda-edicion-do-concurso-inventa-en-galego-premia-a-innovacion-cientifica-feita-entre-a-mocidade-e-na-nosa-linguaA segunda posición do ‘Inventa en galego’ foi para o IES de Ames grazas á súa aplicación ‘ComposTour’. A súa utilidade é clara, en palabras do equipo de 2º de bacharelato que a creou: “dar a coñecer polo miúdo o marco histórico e cultural da capital galega. Santiago é unha antiquísima cidade, cunha interesante arquitectura, e da man desta aplicación poderase visitar en profundidade’.

Canto ao concurso ‘Sensores para todos’, resultou premiada a proposta de alumnos de 1º de bacharelato do IES de Brión, consistente nun sensor localizador de zonas escuras. Segundo comentou o equipo que a ideou, “o noso experimento naceu da idea de crearmos un sensor independente, grazas ao cal un robot poida localizar as áreas máis escuras dunha contorna e, por exemplo, iluminalas”.

‘App Inventor’ e a súa utilidade
App Inventor é unha ferramenta que ofrece posibilidades sinxelas e innovadoras de crear aplicacións funcionais en móbiles e tabletas Android. Permítelle tamén achegar a programación á mocidade e axudala a desenvolver o pensamento computacional, xa que emprega unha interface gráfica intuitiva e unha técnica de programación por bloques. Ademais ten a vantaxe de xerar aplicacións que se executan en dispositivos de uso cotián para a xente nova.

Grazas ao concurso ‘Inventa en galego’, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Forcarei e Valdoviño xa dispoñen de Apps que describen parcial ou completamente estes concellos. Tamén son cada vez máis os rapaces que saben programar aplicacións para ‘smartphones’ Android e que, grazas aos esforzos do profesorado por poñelos ao día na ciencia e na tecnoloxía, son quen de demostralo de xeito práctico.

- Publicidade -spot_img