spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA ritmo de rock e break dance se entregaron os distintivos de...

A ritmo de rock e break dance se entregaron os distintivos de calidade SICTED na Gala Turismo Ría Baixas 2017

a-ritmo-de-rock-e-break-dance-se-entregaron-os-distintivos-de-calidade-sicted-na-gala-turismo-ria-baixas-2017

Medio milleiro de persoas asisten en Vigo á Gala Rías Baixas, na que se entregaron os distintivos ás empresas recoñecidas co selo de calidade SICTED

Un formato orixinal, creativo, moderno e con moita enerxía. A Gran Gala Rías Baixas, celebrada ao grande no Auditorio Mar de Vigo e na que a Deputación de Pontevedra presentou a súa aposta para promocionar o destino turístico Rías Baixas en 2017, estivo trufada de música, co directo rockeiro e alternativo das novísimas Agoraphobia; expresións de cultura urbana coa actuación dun grupo de break dance; e un divertido diálogo de Limiar Teatro, que convidaron o mundo co seu ukelele e contrabaixo a percorrer as seis rutas xacobeas que cruzan a provincia.

Todo iso baixo a batuta da presentadora Neves Rodríguez, que conduciu con fluidez o evento; e coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como anfitrións do acto, ao que asistiron medio milleiro de persoas do sector turístico, rexedores de numerosos concellos da provincia, outras autoridades políticas e institucionais, e personalidades e representantes sociais, económicos e culturais.

a-ritmo-de-rock-e-break-dance-se-entregaron-os-distintivos-de-calidade-sicted-na-gala-turismo-ria-baixas-2017

Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, foi entrevistado en directo para enxalzar a viticultura deste territorio, e cualificou o viño como “o rock&roll das Rías Baixas”. Susana Laya, organizadora do Atlantic Fest e en representación dos promotores dos 8+1 festivais do circuíto de verán, interveu para destacar que estes eventos achegan “valor engadido” ao turismo.  “Traemos artistas e bandas nacionais e internacionais, e é unha plataforma para os grupos galegos”, lembrou.

A gala celebrouse no hall do Auditorio Mar de Vigo, un monumental espazo cunha gran vidreira desde a que se divisaba a espectacular posta de sol na Ría de Vigo. Non faltou nada na festa, afastada dos guións convencionais. Os responsables das empresas distinguidas co selo de calidade SICTED, 203 en toda a provincia, recibiron o seu certificado ao comezo e despois subiron sucesivamente ao escenario, distribuídos en cinco grupos por comarcas, para facerse a foto de familia. Mentres pousaban soaban en directo as guitarras, baixo, batería e voz de Agoraphobia, talento galego en estado puro. Un formato novo que facilitou a fluidez do evento e púxolle unha banda sonora con enerxía e vitalidade.

a-ritmo-de-rock-e-break-dance-se-entregaron-os-distintivos-de-calidade-sicted-na-gala-turismo-ria-baixas-2017

A presidenta da Deputación proclamou ao comezo que as Rías Baixas “téñeno todo para ser un destino turístico universal”, e subliñou o obxectivo principal da campaña: “Vivimos nun espazo espectacular e queremos que todo o mundo saiba que existe este lugar máxico, lírico e privilexiado”. O alcalde de Vigo deu previamente a benvida á gran familia do turismo da provincia e eloxiou os atractivos das Rías Baixas, animando a intensificar o traballo conxunto para dalas a coñecer universalmente. “Este é un espazo único e temos que poñelo masivamente en movemento, todos xuntos”, animou.

Baile urbano e festivais 

Un grupo de break dance que irrompeu na sala puxo o ingrediente de cultura urbana ao gran día do turismo das Rías Baixas. Ao ritmo do hip hop fixeron malabarismos e contorsiones imposibles fronte ao público antes do bloque de presentación de festivais. Atlantic Fest, Cultura Quente, Portamérica, Sinsal Son Estrela Galicia, Sorrías Baixas, Ou Marisquiño, Revenidas, Vive Nigrán e a Festa da Cidade Europea do Viño en Cambados compoñen a oferta de 8+1 Festivais Rías Baixas este verán, que a Deputación promocionará a fondo como gran aposta cultural. “Dirixímonos a unha xeración que busca vivir experiencias no campo do turismo”, explicou Susana Laya.

As rutas xacobeas e o enoturismo, cun papel destacado para Cambados como Cidade Europea do Viño 2017, son outros dos eixos da campaña deste ano. Carmela Silva lembrou que as Rías Baixas “teñen a súa propia serie” sobre os itinerarios de peregrinación, en referencia a “O final do Camiño”, a produción que recentemente viron en horario de prime time millóns de espectadores en TVE e TVG. “Percorrendo os camiños podemos ver moito do que ofrecemos: as mellores Rías do mundo, enoturismo, patrimonio, arqueoloxía, praias, conxuntos históricos impresionantes, paisaxes ou gastronomía”, enumerou.

a-ritmo-de-rock-e-break-dance-se-entregaron-os-distintivos-de-calidade-sicted-na-gala-turismo-ria-baixas-2017Fran e Brais, os dous actores de Teatro Limiar que subiron ao escenario, fixeron un chamamento musical a percorrer “un a un” os seis itinerarios que cruzan a provincia: Camiño Portugués, da Costa, da Prata, de Inverno, Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, e Ruta do Pai Sarmiento.

Viños de calidade internacional

O enoturismo xa está consolidado nas Rías Baixas pero a campaña deste ano aposta polo tirón que sen dúbida producirá a designación de Cambados como Cidade Europea do Viño. Xoán Cannas celebrou que a localidade do Salnés fose distinguida coa capitalidade internacional. “É unha marabilla; levabamos décadas esperándoo e pode situarnos no primeiro nivel internacional”, enxalzou, para resaltar a calidade dos caldos da denominación de orixe Rías Baixas.

A montaxe do evento, coa frescura que lle deu a mestura de rock, break dance, interpretación teatral, as pequenas entrevistas a Cannas e Laya, e os diferentes vídeos sobre camiños, festivais e enoturismo causaron sensación entre os asistentes. O escenario estaba decorado ademais con dúas grandes pantallas e no medio lucía o lema da campaña: “Rías Baixas, por moitas razóns”. A sala tamén mostraba as matrioskas elixidas como elemento promocional desta tempada. Cada unha oculta as miles de razóns para coñecer e vivir este destino en diferentes bloques: descubrir, festexar, camiñar e saborear.

A gala concluíu cunha foto de familia de todos os premiados, xunto cos alcaldes e a presidenta da Deputación.

Streaming e redes sociais

O evento foi emitido en streaming a través da páxina web da Deputación e tivo un gran seguimento e impacto nas redes sociais, onde se promocionou coa etiqueta #GalaRíasBaixas.

- Publicidade -spot_img