spot_img
InicioGaliciaCompostelaA Orquestra e o Coro Gaos protagonizan no Auditorio a Gala Lírica...

A Orquestra e o Coro Gaos protagonizan no Auditorio a Gala Lírica da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago

a-orquestra-e-o-coro-gaos-protagonizan-no-auditorio-a-gala-lirica-da-asociacion-de-amigos-da-opera-de-santiagoA Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, organiza unha Gala Lírica de Nadal. Será este martes, 22 de decembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Nela, poderemos escoitar a Orquestra e o Coro Gaos, xunto a soprano Mariola Cantarero, o barítono Borja Quiza, e Margarita Guerra ás castañolas, todos dirixidos por Fernando Briones.

O programa que presentan está composto por ópera e zarzuela, con obras na primeira parte de F. Lehar, V. Bellini, G. Donizetti e G. Rossini. A segunda parte contará con obras de G. Giménez, R. Soutullo, J. Vert, J. Serrano, F. Moreno Torroba, F. Alonso e M. Fernández Caballero, para rematar con fragmentos da coñecida La del manojo de rosas, de P. Sorozábal.

O prezo das entradas é de 10 euros e poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 e en entradas.abanca.com. Ademais, o martes poderán mercarse tamén no propio Auditorio de Galicia.

Orquestra e Coro Gaos
A Orquestra Gaos naceu en abril de 2009, formada por músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos principais conservatorios galegos. A súa presentación tivo lugar o 14 de xullo de 2009 no Teatro Colón-Caixa Galicia da Coruña, baixo a dirección de Fernando L. Briones. En apenas tres anos colaboran coa orquestra máis de 250 músicos galegos en máis 25 programas diferentes, a través de 50 concertos nos principais auditorios e salas de concerto de Galicia; acompañan aos ganadores do Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol”, nas súas edicións de 2009 e 2010; e participan na presentación do Xacobeo 2010 con Cristina Gallardo-Domâs, coa que gravan un CD con 14 temas galegos orquestrados por Juan Durán. En 2011 e 2012, a formación realiza unha xira de concertos polas catedrais de Galicia. Na súa cuarta tempada, a Orquestra Gaos actúa acompañada do guitarrista Mateo Arnáiz, do trompista David Fernández ou do contrabaixista Antonio Romeo.

O Coro Gaos nace en outubro de 2010 como continuación do proxecto da Orquestra Gaos. Está constituído por 55 voces e todos eles teñen unha ampla experiencia en diferentes coros da comunidade. O seu repertorio é principalmente a capella, aínda que tamén ten cabida a música sinfónico-coral.

Fernando L. Briones, director
Fernando L. Briones estudou guitarra no Conservatorio Superior de Música da Coruña, complementando con estudos de piano, composición, repertorio operístico e dirección de orquestra na ESMUC (Porto). Asistiu a numerosos cursos de dirección de orquestra con Salvador Mas, Jörg Bierhance no Konservatorium Wien University, Donato Renzetti e Dario Lucantoni na Accademia Musicale Pescarese e con Miguel A. Gómez Martínez, co que traballou como asistente. Forma parte do proxecto coral da OSG dende os seus comezos dirixindo, entre outros, o Coro Novo, co consegue varios premios en diferentes concursos nacionais. É director titular da Orquestra Gaos dende a súa creación. Actualmente compaxina a súa actividade coa dirección da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

- Publicidade -spot_img