spot_img
InicioVigo e áreaVigoA obra Esmelle preside desde hoxe o vestíbulo principal do Hospital Álvaro...

A obra Esmelle preside desde hoxe o vestíbulo principal do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

obra_Esmelle_preside_desde_hoxe_vestíbulo_principal_Hospital_Álvaro_Cunqueiro_Vigo

A obra Esmelle, do artista Diego Germade, preside desde hoxe o vestíbulo principal do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Conformada por seis paneis de seis metros de longo por máis de dous de alto revestidos de pan de ouro, nesta obra reprodúcese un patrón inspirado na selva na que o escritor Álvaro Cunqueiro imaxinou ao mago Merlín.

Conformada por seis paneis revestidos de pan de ouro, nesta obra reprodúcese un patrón inspirado na selva na que o escritor Álvaro Cunqueiro imaxinou ao mago Merlín

A obra Esmelle -realizada polo alumno de doutoramento Diego Germade- foi o traballo gañador do concurso realizado tralo convenio asinado entre a Facultade de Belas Artes e a Sociedade concesionaria Novo Hospital de Vigo, dirixido a estudantes e titulados de Belas Artes. A este certame presentáronse un total de 27 proxectos.

Este traballo foi o gañador do concurso realizado tralo convenio entre a Facultade de Belas Artes e a Sociedade concesionaria Novo Hospital de Vigo

Ao acto inaugural da obra asistiron o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernandez-Campa, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, a directora da sociedade concesionaria, Yolanda Cañedo e o artista gañador do concurso, Diego Germade,

Concurso de ideas
Cómpre lembrar que para seleccionar esta obra, a Facultade de Belas Artes e a sociedade concesionaria Novo Hospital de Vigo abriron un concurso de ideas no que non se limitaba a temática das obras, aínda que si contemplaba a posibilidade de que se inspirasen na figura do escritor que lle dá nome ao novo hospital público do Servizo Galego de Saúde en Vigo: Álvaro Cunqueiro.

Así o fixo o artista gañador do concurso, Diego Germade, quen atopou na selva de Esmelle o punto de partida e o título dun proxecto no que reflectiu unha pegada que remite simultaneamente ás referencias caligráficas da escritura, ás formas en movemento que caracterizan o espazo do vestíbulo principal do Hospital como un lugar de tránsito, e a lembranza da selva na que a mente creativa de Cunqueiro imaxinou ao mago Merlín.

Composta por seis paneis independentes que constitúen unha única obra, Esmelle é o resultado dun proceso de creación que tece as correspondencias entre os contidos da temática artúrica que abordou Álvaro Cunqueiro nas súas obras, as características espaciais do espazo que aloxa a obra e o repertorio formal propio do artista.

Un reto para o artista
Este alumno de doutoramento -que o pasado curso tamén resultou gañador do concurso impulsado pola Vicerreitoría do Campus Universitario da Universidade de Vigo en Pontevedra, para dotar dunha nova imaxe a dúas das fachadas do Pavillón Universitario- recoñece, neste senso, que o proxecto constituíu todo un reto.

Por unha banda, polas súas dimensións, por tratarse dunha obra de gran formato, pero tamén polo emprazamento que ocupa, nun espazo polo que pasas probablemente preocupado e sen deterte demasiado”. Así, Diego Germade recoñece que un dos propósitos cos que ideou Esmelle é precisamente que “poida ser un punto no que pararse e contemplar, o que nalgúns momentos é necesario”.

Por último, Sanidade quere agradecer a participación da Universidade de Vigo e da Facultade de Belas Artes, valorando moi positivamente a apertura á cidadanía deste espazo sanitario público.

- Publicidade -spot_img