spot_img
InicioGaliciaA nova experiencia de Turismo de Galicia ‘Camiño, Viños e Camelias’ promóvese...

A nova experiencia de Turismo de Galicia ‘Camiño, Viños e Camelias’ promóvese en París ata o día 2 de maio

Turismo de Galicia ‘Camiño, Viños e Camelias’ promóvese en París ata o día 2 de maioCo obxecto de dar a coñecer o nova experiencia turística da nosa comunidade ‘Camiño, viños e camelias’, Turismo de Galicia, en colaboración coa Denominación de Orixe Rías Baixas, desenvolve unha acción de promoción ata o próximo día 2 de maio en París, no establecemento especializado na venda de viños Lavinia, situado no Boulevard de la Madeleine.

A experiencia “Camiño, Viños e Camelias”, é un innovador produto turístico que combina o Camiño de Santiago, a Ruta da Camelia e as adegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Para realizar esta campaña, escolleuse a tenda especializada Lavinia, unha prestixiosa cadea de vinotecas con tenda en París, como sede e plataforma de lanzamento deste novo produto turístico en Francia, un dos mercados emisores máis importantes para Galicia.

No pasado ano Galicia recibiu 112.424 viaxeiros procedentes de París, cifra que xerou preto de 190.000 pernoitas na nosa Comunidade. Deste xeito, no pasado ano o mercado francés superou nun 20% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16% o número de noites do anterior ano 2013.

Francia é o terceiro mercado internacional de Galicia, por detrás de Portugal e Alemaña, ao representar o 10,4% do total dos estranxeiros que visitan a nosa comunidade.

Durante os días nos que se desenvolve esta acción de promoción, o establecemento especializado na venda de viños lucirá unha decoración que trasladará a todos os visitantes a unha contorna típica de xardín de pazo galego e contará tamén con elementos relacionados co Camiño de Santiago. Ademais, durante estes días, os viños galegos da Denominación de Orixe Rías Baixas terán unha promoción especial.

Showroom e cóctel de presentación
Ao obxecto de reforzar a difusión no mercado francés desta experiencia turística que combina turismo cultural, natureza e enogastronomía, o día 15 de abril desenvolverase na sede de Lavinia un showroom degustación para público final, entre as 19.00 e as 21.00 horas.

Así mesmo, o día 16 de abril, terá lugar un cóctel presentación para operadores turísticos e medios de comunicación. O cóctel será elaborado por un cociñeiro galego do Grupo Nove, en colaboración co chef de Lavinia.

Campaña de promoción en Madrid
Esta campaña desenvolveuse con gran éxito entre os pasados días 11 de marzo e 4 de abril, nas tendas especializadas Lavinia en Madrid.

Estas vinotecas luciron unha sorprendente decoración, ambientadas como un auténtico pazo galego con camelias naturais, e acolleron unha selección dos mellores viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, un total de 24 adegas que ofreceron 40 marcas de viño diferentes.

Ademais contaron cun punto de información onde os visitantes puideron informarse de todo o relacionado con esta experiencia, así como, de calquera outra información turística da comunidade de Galicia que espertase o seu interese.

- Publicidade -spot_img