A investigadora de ReXenMar María Fernández representará á Universidade na iniciativa de divulgación ‘Somos Científicos’

Como serán os peixes que comeremos no futuro? A esta pregunta tratará de responder a investigadora de ReXenMar (Marine Genetic Resources lab) María Fernández na iniciativa Somos Científicos. Sácanos de aquí.

Ela será a única representante galega nun programa de divulgación científica organizado por Fecyt e La Caixa entre o 16 e o 27 de abril no que 85 centros de ensino de España e Suramérica porán a proba a 30 científicos e expertos en diferentes áreas. Divididos en zonas temáticas, estudantes de entre 10 e 18 anos interactúan con científicos e científicas a través de internet, desafiándoos a través de chats, preguntando todo o que se lles ocorra e votando para elixir a científica ou científico favorito, que ganará 500€ destinados a divulgar o seu traballo.

Fernández espera tomar a remuda de Alba Aguión, investigadora do Future Oceans Lab, que foi unha das gañadoras de 2017. Explica que a idea de participar no certame Somos Científicos. Sácanos de aquí xurdiu porque sempre tivo ganas de participar en temas de divulgación, especialmente con nenas e nenos, o que a levou a buscar por todos os medios opcións para poder facer divulgación e voluntariado “co obxectivo de difundir o que facemos en ReXenMar”. Conta coa experiencia e os consellos de Aguión, que recoñece que é “un reto á hora de prepararte para todo tipo de preguntas”.

Do formato deste certame valora moi positivamente a posibilidade de relacionarse con estudantes de primaria e secundaria e que elas e eles sexan os xuíces e agarda que esta experiencia lle abra as portas para poder seguir traballando en temas de divulgación no futuro, “creo que é esencial para a miña formación durante a tese e, de xeito global, é clave para poder avanzar en ciencia”.

Os peixes que comeremos no futuro

Somos científicos divídese en cinco zonas temáticas, e María Fernández está inscrita na relacionada coa alimentación, xunto con outros cinco investigadores de universidades e empresas. Os estudantes poderán falar con ela sobre acuicultura, un campo que segundo explica é “aínda moi novo como para que todo o mundo entenda o que facemos e a súa importancia”. Unha das consecuencias desa falta de información é, na súa opinión, “que gran parte da poboación segue amosándose remisa a consumir produtos procedentes da acuicultura, veno como algo artificial e descoñecido, e por iso me gustaría aproveitar esta oportunidade para informar ao público e responder a todas as súas preguntas”. Por outra banda, tamén pon en valor a utilidade deste tipo de iniciativas para axudar aos estudantes a elixir a súa vocación, a coñecer as opcións que teñen para orientar o seu futuro académico e profesional á investigación. “Con isto, a ciencia sería cada vez máis valorada e se investiría máis nela”.

Sobre a que destinaría o premio se gañase, explica que lle gustaría crear actividades de divulgación para que tanto nenos como adultos poidan “estar ao día do que facemos os investigadores”; especificamente no eido da acuicultura, para o que crearía obradoiros para que o público poida ver “en que estamos traballando e como conseguimos que os peixes que se comen estean tan ricos”.

Participando dende Noruega

Fernández atópase agora mesmo facendo unha estadía de pre-doutoramento na empresa Nofima, en Tromso, no norte de Noruega, traballando nun proxecto de mellora do cultivo de bacallau. Cando se celebre Somos Científicos, do 16 ao 27 deste mes, seguirá no país nórdico, pero conta con organizarse para participar no máximo número de chats para poder coñecer a todos os niños que están á espera de resolver súas dúbidas”.

O certame arranca o vindeiro día 16 e Fernández recoñece estar un pouco nerviosa “polo que me preguntarán, pero os nenos son a mellor fonte para aprender, xa que sempre supoñen un reto para os adultos ao ter esa inocencia que lles permite preguntar todo o que se lles ocorre”. Ademais, a investigadora baralla a posibilidade de exercer a docencia no futuro, polo que considera que esta será “unha oportunidade para aprender a transmitir”.

Respecto da súa estadía en Noruega, grazas a unha bolsa de predoutoramento da Xunta de Galicia, agarda que lle sirva ademais de para desenvolver os seu proxecto de investigación, para “conseguir contactos para cando acabe a tese”, e remarca neste sentido que “a clave é sempre antepoñerse!”.

María del Río//UVigo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies