spot_img
InicioGaliciaA iniciativa da Xunta ‘12 meses, 12 paisaxes’ acada o recoñecemento de...

A iniciativa da Xunta ‘12 meses, 12 paisaxes’ acada o recoñecemento de ‘boa práctica’ no Premio Internacional de Dubai convocado polas Nacións Unidas

A iniciativa da Xunta ‘12 meses, 12 paisaxes’ acada o recoñecemento de ‘boa práctica’ no Premio Internacional de Dubai convocado polas Nacións UnidasA conselleira de Medio Ambiente destaca que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 ten por obxectivo triplicar a taxa de recuperación de materiais no ano 2020
A iniciativa da Xunta de Galicia ’12 meses, 12 paisaxes’ vén de ser recoñecida polas Nacións Unidas como “boa práctica” no Premio Internacional de Dubai. Así o confirmou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a súa intervención no encontro especializado sobre ‘Medio ambiente e sustentabilidade’ que organizou o diario Expansión en Madrid.

Vázquez explicou que a Estratexia da Paisaxe de Galicia busca a sensibilización, formación e divulgación deste patrimonio colectivo e, nese marco, o programa “12 meses, 12 paisaxes”, centrado nas escolas, quere concienciar á sociedade do futuro da importancia do valor cultural, ambiental, social e económico do medio natural.

’12 meses, 12 paisaxes’, unha iniciativa na que participaron preto de 10.000 alumnos grazas á implicación de case 900 profesores, foi seleccionada polo Goberno para representar a España no Premio Internacional de Dubai, Mellores prácticas para mellorar as condicións de vida e acadou o recoñecemento como “boa práctica”, tal como o conseguira o Plan do Litoral dous anos antes.

Na súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente concretou que un dos maiores desafíos que existen hoxe en día para as administracións públicas e para a sociedade en xeral, é o reto de alcanzar un desenvolvemento sustentable e compatible coa preservación ambiental e avogou pola planificación para conseguilo.

Ethel Vázquez explicou que en Galicia se planifica a xestión dos recursos naturais e se estrutura o modo en que se ocupa o territorio, porque este elemento, para ser sustentable, necesita ser ordenado e contar cunhas claras regras do xogo. Neste sentido, a Comunidade autónoma comezou, no ano 2011, un camiño sen retorno, coa entrada en vigor das primeiras directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e dun Plan do Litoral que ordena e xestiona a costa galega. Nese mesmo ano, plantexouse a primeira Estratexia da Paisaxe de Galicia, que agora se revisa para a recuperación, protección e posta en valor da paisaxe galega.

Vázquez subliñou que aínda que se teñen feito moitas cousas, neste momento, os esforzos céntranse en contar cunha Lei do solo que perdure e dirixa un desenvolvemento urbanístico compatible coa recuperación e protección da paisaxe galega.

A responsable de Medio Ambiente do Executivo autonómico concretou que “Galicia é unha Comunidade unida nunha relación de especial co seu medio natural, e ten na terra, o seu maior patrimonio colectivo”. Vázquez explicou tamén que “o traballo desde o noso departamento non é só tratar de conservar o medio ambiente, senón convertelo tamén nun motor de desenvolvemento”.

Vázquez explicou que o Goberno galego iniciou un cambio de tendencia que se reflicte xa no organigrama da Administración autonómica e, por iso, as infraestruturas, o urbanismo, os transportes ou a vivenda acompañan ao medioambiente como criterios de planificación. Deste xeito, a sustentabilidade ambiental proxéctase no conxunto das políticas autonómicas, sendo determinantes nas decisións industriais, pesqueiras, turísticas, enerxéticas, sanitarias ou educativas.

“Polo tanto, en Galicia estamos a facer do medio ambiente un factor transversal na xestión pública e, en segundo lugar, apostamos pola planificación como ferramenta básica para a sustentabilidade”, agregou.

Produto desta idea é o deseño do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, que introduce actuacións para favorecer a transición cara un patrón económico e social máis sostible, e recordou que ten por obxectivo triplicar a taxa de recuperación de materiais no ano 2020.

Cambio climático
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que o último Informe de Cambio Climático de Galicia recolle 84 medidas que permiten mobilizar 35 millóns de euros e que foron desenvolvidas polas consellerías do Goberno galego. Segundo dixo, a planificación dá resultados e permite que Galicia sexa unha autonomía á cabeza no cumprimento da directiva hábitats tras a aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000. Un instrumento que transforma os 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) declarados en Galicia en Zonas de Especial Conservación e establece medidas para a conservación dun total de 75 espazos que abarcan unha superficie de 390.000 ha.

Na súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente destacou que a maior das preocupacións do seu departamento é o das augas, posto que “da boa saúde dos ríos e rías depende a calidade de vida e o futuro de moitas especies naturais, pero tamén descansa boa parte da actividade económica e produtiva. A planificación dos nosos recursos hídricos é, por tanto, imprescindible”.

Dentro dos ámbitos de xestión existen criterios “verdes” que serven para conseguir importantes beneficios económicos e sociais, algúns deles son o plan integral de Turismo de Galicia que ten entre os seus obxectivos consolidar a Galicia como modelo europeo de turismo sostible e, dentro do plan global, destacar o Plan Director do Camiño de Santiago, que posiciona ao camiño como emblema dun enfoque de turismo sostible e responsable co medio e o patrimonio.

Así mesmo atópase o plan de Transporte Metropolitano, unha auténtica aposta pola mobilidade sostible que beneficia actualmente a máis de 900.000 galegos das áreas da Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago. Ademais, calcúlase que desde a súa posta en marcha produciuse a retirada de circulación de preto de 11.000 vehículos ao día nas áreas onde se implantou, o que conleva a diminución de máis de 7,5 toneladas de emisión de CO2 á atmosfera.

- Publicidade -spot_img