spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Guarda rendeu homenaxe ás vítimas da violencia machista polo Día Internacional...

A Guarda rendeu homenaxe ás vítimas da violencia machista polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero

a-guarda-rendeu-homenaxe-as-vitimas-da-violencia-machista-polo-dia-internacional-contra-a-violencia-de-xenero

Con motivo da conmemoración, este venres 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o concello da Guarda quixo conmemorar esta data cun acto na Praza do Reló.

Dende o balcón da Casa dos Alonsos o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e as concelleiras da Corporación Municipal, Mª Teresa Vicente Baz e Elena Baz, colocaron unha pancarta na que se lía o lema “Contra todas as violencias machistas”. A continuación, o alcalde procedeu á lectura dun manifesto no que expresou a repulsa contra a violencia de xénero, á que calificou como unha lacra a nivel mundial que é necesario erradicar dunha vez por todas. Para isto, afirmou, é necesario o compromiso e colaboración colectiva. Ademais, destacou a importancia de levar a cabo actividades de sensibilización e educativas ante a preocupante repetición de vellos patróns que se veñen observando nas novas xeracións. “O concello asume o compromiso na loita contra esta lacra, apoiando ás vítimas e propagando a defensa dunha sociedade paritaria entre homes e mulleres”, quixo destacar o alcalde.

Tras a lectura do manifesto, a concelleira de Igualdade, Mª Teresa Vicente Baz, presentou ao grupo AcevedosDelgados. Este interpretou unhas cancións que tratan a relevancia actual do tema do acto e, entre o repertorio, incluíron un poema de Celso Emilio Ferreiro ó que eles mesmos lle puxeron música. Con este tema remataron un acto cargado de simbolismo e emoción ante os veciños e veciñas da Guarda que se achegaron ata a Praza do Reló.

Deste xeito, pódese ver como o lema de repulsa contra a violencia de xénero preside o balcón da Casa dos Alonsos en homenaxe ás vítimas desta violencia, nun día que busca concienciar sobre unha problemática aínda moi presente na nosa sociedade.

Dende o concello da Guarda, e en especial dende a Concellería de Igualdade, quérese reiterar a repulsa ante todos os casos de violencia de xénero e manifestar a máis absoluta condena ao que sigue a ser unha lacra de carácter mundial. Acabar con ela é tarefa de todos e todas e só se poderá conseguir unindo esforzos.

- Publicidade -spot_img