spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Guarda presenta en Pasaia o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais

A Guarda presenta en Pasaia o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais

En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
© Culturmar

O peirao euskaldún de Trintxerpe acolleu onte a presentación do próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Un evento que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo de 2019 e que servirá de pulo para o recén creado movemento de recuperación e posta en valor do amplo patrimonio marítimo fluvial da vila fronteiriza.

O presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Xaquín Cadilla; e Xaquín Lores, membro da directiva de Culturmar; foron os encargados de explicar ao público do I Festival Marítimo de Pasaia os detalles dun evento que, ao igual que o anterior Encontro, celebrado o verán pasado en Combarro, contará coa presenza dunha delegación do municipio vasco. Así o asegurou a alcaldesa de Pasaia, Izaskun Gómez; que puxo en valor os numerosos vínculos existentes entre a cultura de Galicia e a dunha vila que acolle á comunidade de galegos fóra de Galicia máis extensa do estado español.

En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
© Culturmar

Á senda de colaboración entre o Concello de Pasaia e Culturmar iniciada o verán pasado en Combarro aínda lle quedan quilómetros por andar. Quedou patente este sábado na presentación do próximo Encontro de Embarcacións da Guarda. Un evento co que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial quere contribuír á recuperación do patrimonio desa vila situada na fronteira entre Galicia e Portugal e que, tal e como asegurou Izaskun Gómez, contará tamén co respaldo de Pasaia.

O presidente de Piueiro; asociación de recente creación nacida co obxectivo de impulsar a posta en valor da riqueza etnográfica e cultural ligada aos cauces fluviais (nomeadamente, ao río Miño) e ao litoral da Guarda quixo agradecer o respaldo recibido dende Culturmar. Xaquín Cadilla amosou a súa vontade de traballar arreo para que a localidade pontevedresa chegue ao vindeiro Encontro lista para amosar ao público todo o seu patrimonio etnográfico, cultural, e tamén gastronómico.

En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
© Culturmar

A presentación do Encontro da Guarda celebrouse no espazo expositivo de Galicia no I Festival Marítimo de Pasaia. Un entorno no que, dende o pasado xoves, a comunidade galega luce o bo facer dos seus artesáns con mostras en vivo de oficios tradicionais.

Aos zoqueiros, redeiras, palangreiras, carpinteiros de ribeira e palilleiras únense ademais degustacións gastronómicas de conservas do mar galego. Que, xunto coa música tradicional que resoa ao longo de toda a xornada, teñen conseguido que o peirao de Trintxerpe se convirta nun constante bule bule dun público totalmente volcado coas singularidades, tamén turísticas e paisaxísticas, de Galicia.

- Publicidade -spot_img