spot_img
InicioGaliciaCompostelaA exposición "Sorrisos transformadores" chega a Santiago de Compostela

A exposición “Sorrisos transformadores” chega a Santiago de Compostela

a-exposicion-sorrisos-transformadores-chega-a-santiago-de-compostela

A exposición, que poderá visitarse ata o 9 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación da USC, enmárcase no seo das II Xornadas de Diversidade desde a Educación: Unha oportunidade para trans*formar a sociedade 

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou esta mañá a exposición “Sorrisos Transformadores” que poderá visitarse ata o 9 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. A mostra, enmarcada nas segundas xornadas de Diversidade desde a Educación: Unha oportunidade para trans*formar a sociedade ten por obxectivos –en palabras de Carmela Silva –  “loitar para que homes e mulleres teñamos a liberdade de decidir o noso destino, de construír a nosa vida en liberdade e na procura da felicidade, sen estereotipos e respectando a diversidade, porque non hai loita mellor que conseguir que todas e todos teñamos os mesmos dereitos”.

Carmela Silva asegurou que “os tempos están cambiando e as administracións debemos ser permeables ás propostas que veñen da sociedade, por iso cando a Asociación ARELAS de Familias con Menores Trans* e a súa presidenta Cristina Palacios nos propuxo esta exposición non tivemos ningunha dúbida en promovela, porque queremos construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.  Así,  “Sorrisos transformadores” está integrada por dez fotografías que amosan dez realidades de persoas trans ou que, sen selo, están relacionadas pola súa profesión na transmisión dunha mensaxe de positivismo e de orgullo. Todas as imaxes que se poden ver na mostra teñen en común a lenda de “respecta, defende, sensibiliza, iguala, vive e deixa vivir”.

A Presidenta provincial agradeceu a presenza da Valedora do Pobo, do Director Xeral de Educación e da concelleira de políticas sociais de Santiago polo seu compromiso na construción dunha sociedade máis xusta.  Ó respecto reiterou a necesidade de que todas as administracións públicas “loiten para evitar que se nos estereotipe, que se nos obrigue a ter determinados comportamentos que impiden a nosa felicidade, porque esta loita pola igualdade non é cuestión de cores políticas, é cuestión de decencia”.

Xa para rematar, Carmela Silva amosou a súa preocupación polo auxe da “LGTBfobia, que se instalou de xeito cruel na sociedade” e manifestou a súa satisfacción por atoparse en Santiago, “nun centro que educa a futuros formadores e formadoras, imprescindibles para que se cambien os discursos, os hábitos, os modos de educar e impulsar que todo o mundo estea integrado no discurso da educación”.

A próxima parada de “Sorrisos transformadores” será no Multiusos de Chapela, en Redondela, entre o 13 e o 23 de febreiro.

 

- Publicidade -spot_img