spot_img
InicioGaliciaCompostelaA exposición ‘Paisaxes e personaxes’, antesala do 17 de maio en homenaxe...

A exposición ‘Paisaxes e personaxes’, antesala do 17 de maio en homenaxe a María Victoria Moreno

a-exposicion-paisaxes-e-personaxes-antesala-do-17-de-maio-en-homenaxe-a-maria-victoria-morenoO conselleiro de Cultura destaca o carácter “lúdico e didáctico” dunha mostra para divulgar a figura da autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2018, que chegará a once concellos galegos entre abril e decembro

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle desde hoxe ata o vindeiro 9 de maio a mostra María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. Trátase da primeira parada do proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo a María Victoria Moreno, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, e lle achega á cidadanía a súa figura, vida e obra.

Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova serán os próximos destinos da mostra, que foi inaugurada esta tarde polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O titular de Cultura destacou o carácter “lúdico e didáctico” do proxecto, e afirmou que se trata dunha forma acaída para que o gran público coñeza un pouco máis sobre a súa figura, de xeito que se poña en valor “a singular obra e legado ético e idiomático da homenaxeada.”

Ademais de convidar a descubrir o universo literario da autora a través de ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, que foron creadas para a ocasión, a exposición ofrece a oportunidade de, en palabras de Román Rodríguez, “coñecer e admirar o traballo dunha pequena escolma do moi rico panorama actual da ilustración en Galicia”, da man dos artistas Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor.

Na inauguración interviñeron, ademais do conselleiro, a escritora e tesoureira da Real Academia Galega Marilar Aleixandre; o viúvo da María Vitoria Moreno, Pedro Ferriol; a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta Ovidio Rodeiro e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, xunto cos ilustradores Dani Padrón, Nuria Díaz, Bea Lema e Lucía Cobo. O acto completouse cunha visita guiada á mostra, conducida por David Pintor.

Ilustrando a María Victoria Moreno

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a mostra contou coa coordinación de David Pintor. O humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés é o autor da imaxe central da mostra, que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno, concretamente con O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas á personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras , de aí o nome da mostra. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. Así mesmo, cada un destes paneis complétase cun fragmento da obra correspondente. A exposición complétase con tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o título de licenciada, o bolígrafo co que escribiu as súas derradeiras obras, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

Finalmente, a exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña en https://www.cultura.gal/sites/default/files/documents/destaques/cuadriptico_expo_letras_galegas_2018.pdf

Unha figura pioneira da LIX

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil (LIX)–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

- Publicidade -spot_img