spot_img
InicioBaixo MiñoA expedición provincial en Navarra coñeceu unha planta de tratamento que podería...

A expedición provincial en Navarra coñeceu unha planta de tratamento que podería ser tamén unha referencia para a mancomunidade do Morrazo ou para os concellos do Baixo Miño

expedición-provincial-Navarra-coñeceu-planta-tratamento-podería-ser-tamén-referencia-mancomunidade-Morrazo-para-concellos-Baixo-Miño

A expedición da Deputación de Pontevedra en Navarra, formada por 45 persoas (entre alcaldes, concelleiros e técnicos de toda a provincia de Pontevedra), coñeceu onte as instalacións da planta de compostaxe de Epele (Bergara), que na súa concepción é moi similar á que se pretende instalar na Canicouva, en Pontevedra. Así mesmo, tamén podería servir como referencia para unha posible planta de tratamento mancomunada dos concellos do Morrazo e do Baixo Miño. Os gobernos locais destas dúas comarcas expresaron nas reunións co vicepresidente provincial, César Mosquera, a súa aposta tanto pola compostaxe, para reducir a cantidade de residuos que se trasladan a Sogama, como pola xestión colectiva.

Pontevedra aprende da experiencia de Epele para mellorar a súa planta de compost

A planta de Epele, que se porá en marcha en outubro no País Vasco, daralles servizo a tres mancomunidades e chegará a tratar 9.000 toneladas por ano das 35.000 que se xeran en toda a comunidade. No caso de Pontevedra o obxectivo é tratar unha cantidade similar da fracción orgánica do residuo municipal (FORM) e obter aproximadamente unhas 2.300 toneladas de compost.

En Epele o proceso de compostaxe precisa de oito túneles, nos que se fará a bioxidación da parte orgánica do lixo mesturada con estruturante (ó 50 %). Mediante sistemas de aireación e rega evitarase que as temperaturas suban dos 70 ºC durante unhas catro semanas. Tras a bioxidación o compost fresco colocarase en pilas, nas que continuará en fase de maduración durante outras seis semanas. Ó longo dese período voltearase tantas veces como sexa preciso e, por último, o compost será cribado para retirar os elementos de gran tamaño e así conseguir un produto refinado en condicións de comercialización.

No caso da planta de tratamento de Pontevedra, segundo lembrou o asesor provincial en residuos, Carlos Pérez, farase un tratamento con nitróxeno e en cámaras pechadas, en lugar de facelo por osíxeno e aireación. Isto suporá un importante beneficio, xa que o proceso será máis rápido que en Epele e requirirá de menos espazo, posto que ó estar hermeticamente disposto o material a descomposición dos orgánicos producirase antes. En Pontevedra, de feito, só haberá catro túneles de tratamento na primeira fase (de descomposición).

A novidade que incorporarán as dúas plantas de tratamento, tanto a de Pontevedra coma a de Epele, será a de utilizar biofiltros (unha piscina de codias) que minimizarán as emisións de cheiros á atmosfera. Ademais utilizaranse os lixiviados xerados no proceso de fabricación do compost para a humidificación da materia no inicio do proceso. Deste xeito haberá cero emisións e non se precisará un xestor de depuración

A planta de Epele e a de Pontevedra teñen, segundo os técnicos da Deputación de Pontevedra, o tamaño máximo para ser consideradas eficientes e sostibles economicamente. No caso da planta vasca o seu custo elevouse a 6 millóns de euros, ós que hai que sumar outro millón gastado en maquinaria e outros tres en terreos, infraestruturas de acceso, desmontes e outros traballos. O montante global da instalación ascende a uns 10 millóns de euros. En Pontevedra a estimación inicial roldaba os 5,7 millóns de euros, se ben a intención da Deputación provincial e a do seu vicepresidente, César Mosquera, é reducir as súas dimensións o máximo posible e, por tanto, o seu custo. Coa visita de onte, segundo explicou a deputada nacionalista Eva Vilaverde, a expedición pontevedresa, convidada polo organismo provincial a Navarra “coñeceu de primeira man as vantaxes e inconvenientes dunha planta de tratamento de grandes dimensións”.

Neste momento a Deputación anima os concellos a iniciar a súa experiencia na compostaxe (co fin de reducir custos económicos e ambientais tratando “in situ” boa parte do FORM en lugar de mandalo a Sogama) coa instalación de composteiros comunais de pequeno tamaño. Ese sería o primeiro paso máis adecuado -e máis rápido- para ir concienciando a cidadanía e abaratando o custo real do tratamento do lixo. En calquera caso, como lembrou Vilaverde, “a Deputación xa ten mostrado tamén a súa disposición para asesorar, xestionar e incluso apoiar economicamente a posta en marcha de plantas de tipo mancomunado (coma as que se poderían sacar adiante no Morrazo e no Baixo Miño), sempre e cando a implicación dos concellos da contorna sexa real”. O organismo provincial, de feito, estaría disposto incluso a facerse cargo do cobro do recibo do lixo dos veciños de calquera comarca, para facilitar o labor dos concellos que decidan ter en conta que os custos medioambientais son igual de importantes que os económicos á hora de elixir o seu tipo de xestión de residuos.

A viaxe organizada pola Deputación de Pontevedra, concretamente polo departamento de Medio Ambiente que xestiona o vicepresidente provincial, César Mosquera, reuniu a representantes políticos e técnicos de 25 concellos. Están presentes catro alcaldes e preto dunha vintena de concelleiros de áreas de Medio Ambiente e Servizos que aproveitan para formularlles todas as súas preguntas e dúbidas ós expertos das plantas de tratamento que están a visitar.

- Publicidade -spot_img