spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra promove en FITUR o Camiño Portugués pola Costa...

A Deputación de Pontevedra promove en FITUR o Camiño Portugués pola Costa e os concellos polos que transcorre

a-deputacion-de-pontevedra-promove-en-fitur-o-camino-portugues-pola-costa-e-os-concellos-polos-que-transcorre

A ruta actuará como fío condutor para converter en protagonistas aos quince concellos polos que transcorre

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, dos alcaldes e alcaldesas de Vigo (Abel Caballero), A Guarda (Antonio Lomba), O Rosal (Jesús María Fernández Portela) e Oia (Cristina Correa) e das concelleiras de Baiona (Beatriz González), Nigrán (Raquel Giráldez) e Redondela (María Teresa París), presentou esta mañá en Vigo, coas Illas Cíes de fondo, as actuacións promocionais que realizará a institución provincial este ano en FITUR e que terán como protagonistas aos concellos polos que transcorre o Camiño Portugués pola Costa. No transcurso do acto de presentación deuse a coñecer o spot realizado para promover o Camiño Portugués pola Costa e o tema que o músico Teo Cardalda compuxo para a actuación promocional de Turismo Rías Baixas que leva por título “Un lugar en el mundo”.

Camiño

Turismo Rías Baixas sorprenderá cun caderno de viaxe que inclúe un elemento inédito en FITUR e vinculado á aposta do novo goberno da Deputación por transmitir unha imaxe vangardista da provincia

Carmela Silva subliñou que “o xoves Rías Baixas volverá sorprender en FITUR, porque o noso modelo de promoción turística quere ir máis aló, queremos transmitir unha imaxe vangardista, innovadora, rompedora, única; unha imaxe que, este ano, sen dúbida algunha dará moito que falar”.  A Presidenta recordou que o eixo central da promoción do destino Rías Baixas este ano será o Camiño Portugués pola Costa, “un camiño que parte desde Porto pola costa Atlántica e conecta en Redondela co Camiño Portugués de interior”.

Silva tamén explicou as principais razóns polas que se escolleu este eixo promocional para o 2017, recordando que “o Camiño pola Costa foi oficializado o pasado ano 2016 e precisa un impulso que contribúa ao seu maior coñecemento por parte dos nosos visitantes, porque estamos convencidas e convencidos de que debe converterse nun referente clave para o turismo na provincia de Pontevedra”. Ademais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra remarcou que “esta ruta ten unha achega moi singular: o mar e os concellos polos que transcorre”.

Neste contexto, Carmela Silva fixo fincapé no protagonismo dos concellos nesta actuación promocional que a través do Camiño Portugués pola Costa percorre 15 municipios da provincia (A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas, Valga e Pontecesures) e os aspectos relacionados coa súa cultura, patrimonio, historia, termalismo ou o medio ambiente.

CamiñoDestacou os atractivos turísticos de cada Concello desta ruta  “que ten no mar, no Océano Atlántico, o elemento fundamental que a distingue do resto do Camiño e converte este percorrido nunha experiencia inesquecible”. 

Carmela Silva adiantou que se lles achegará aos presentes un caderno de viaxe, “para guiar os pasos das peregrinas e peregrinos que se decidan a percorrer o Camiño pola Costa, no que terán espazo para escribir a propia experiencia que van vivindo, etapa a etapa; un caderno no que se desvelará, en Madrid, un elemento sorpresa e único do que tan so lles podemos adiantar que é inédito en FITUR, que é un xeito creativo, vangardista e único de dar a coñecer a nosa provincia, converténdonos, unha vez máis, nunha provincia innovadora, xa que ten que ver coas novas tecnoloxías, coa aposta que ten este novo goberno da Deputación por transmitir unha imaxe vangardista da provincia”.

Ademais do modo de promover o destino Rías Baixas, a Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer a axenda para os vindeiros días en FITUR, centrada nun contacto permanente con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación co obxectivo de transmitir os atractivos de Rías Baixas.  Así, o día da inauguración oficial da feira, 18 de xaneiro, a Presidenta provincial manterá unha reunión ás 11:30 con representantes da Deputación de Xaén no stand de Andalucía (pavillón 7) para abordar cuestións relativas á “Ruta dos Íberos e Fenicios” da deputación andaluza que entronca co proxecto que a institución provincial está a desenvolver cos castros. De feito, Carmela Silva informou que “hai estudos que sinalan que esta ruta iniciada en Xaén tiña moita relación coa nosa provincia, chegaba ata aquí”. 

Nese mesmo encontro con responsables da Deputación de Xaén tamén se analizarán temas relacionados cos castelos xa que, tal e como asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, “Xaén desenvolveu tamén un plan de usos para os castelos da súa provincia como fixemos nós con Sobroso e Soutomaior e queremos analizar vías de colaboración para promover estes elementos arquitectónicos”.

Pola tarde, ás 16:00, a Deputación de Pontevedra asistirá á presentación que a Mancomunidade do Salnés e o Concello de Cambados realizarán no stand de Turgalicia e ás 16:30 reunirase co Director Xeral da Escola de Organización Industrial (EOI). Xa pola noite, ás 20:30, representantes da institución provincial asistirán na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles á “Noite Q 2017” onde se fará entrega da renovación do distintivo Q de Calidade para as oficinas do Palacete das Mendoza e do Mosteiro de Armenteira.

A Presidenta engadiu que “como queremos ir máis aló, ter máis presenza e aproveitar as sinerxías que se xeran en Madrid no momento en que se celebra FITUR, con milleiros de persoas procedentes de todo o mundo que se dan cita na capital durante esta semana, ata finais de xaneiro un dos autobuses turísticos de dous andares de Madrid, que percorre a capital, estará rotulado cun vinilo coa imaxe de Turismo Rías Baixas, do Camiño Portugués pola Costa”. Neste contexto, Carmela Silva engadiu que “hai que estar alí onde están milleiros de persoas, para atraer cada vez máis a un maior número de visitantes a Rías Baixas”.

Xa para rematar, a Presidenta da Deputación falou da música que acompaña as imaxes que Turismo Rías Baixas amosará ó mundo en Fitur. A este respecto, Carmela Silva manifestou que “estamos tan orgullosos da nosa provincia, da súa creatividade, da extraordinaria cultura, da nosa música, que imos levar música galega a FITUR, música que se fai por homes e mulleres con gran presenza nacional e internacional como Teo Cardalda, que leva a nosa provincia coa súa música por todo o mundo, e que compuxo un tema inédito que se vai presentar en FITUR e que se estreouse nesta presentación  hoxe,  titulado “Un lugar en el mundo”.

 

- Publicidade -spot_img