spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra nominada aos premios "SMARTUp 2016" polo seu apoio...

A Deputación de Pontevedra nominada aos premios “SMARTUp 2016” polo seu apoio ao emprendimento

Deputación-Pontevedra-entrega-Premios-Provinciais-Investigación-Cultura-2014

Carmela Silva avanzou o novo proxecto “Emprender na miña escola”, co que o alumnado de 5º e 6º de primaria crearán unha cooperativa e venderán os seus produtos nun mercado local

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou esta mañá a nominación da Deputación de Pontevedra ao “Premio Administración Pública 2016” polo seu apoio ao emprendemento. Ao premio, que se entregará mañá xoves no evento “SmartUp Olé 2016” na cidade de Salamanca e ao que asistirá o Deputado de Innovación e Promoción Económica Javier Dios, tamén están nominadas as deputacións de Jaén e Castellón, os concellos de Valencia e Logroño, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a iniciativa “Seggitur Emprendetur” do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Carmela Silva sinalou que “este é un recoñecemento a unha das grandes apostas da Deputación, unha liña de traballo que está a permitir que sexamos unha das poucas administracións públicas e provinciais recoñecidas polo seu apoio ao emprendemento”. A Presidenta sinalou o mérito dos traballadores e traballadoras das áreas de Novas tecnoloxías e Promoción do emprego e lembrou que en 2016 a institución provincial destinou un 20,5% máis de recursos ao fomento do emprego entre a cidadanía de Pontevedra.

A Presidenta da Deputación sinalou algúns dos proxectos en materia de emprendemento que está a desenvolver a institución e que se traduciron nesta nominación. En primeiro lugar, “DepoEmprende”, unha iniciativa destinada a 120 mozos e mozas menores de 30 anos da provincia que ten como finalidade impulsar o emprendemento xuvenil, incorporar ao mercado laboral á totalidade dos seus participantes, mediante o deseño dun plan e dun proxecto personalizados. A día de hoxe xa hai 151 persoas inscritas, á espera de finalizar o proceso de inscrición e as xornadas informativas, que ante o grande interese causado tiveron que ser ampliadas con dúas quendas máis (o 9 de setembro en Vigo e o 15 de setembro en Pontevedra).

Ademais, “SmartPeme”, que oferta a persoas emprendedoras e pemes servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC nas oficinas de Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, ou os viveiros de empresas situados nos polígonos de Barro-Meis e de Lalín (Lalín 2000), nos que a Deputación pon á disposición espazos de acollida temporal pensados para encamiñar ás empresas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial.

Carmela Silva concluíu que “malia ser difícil que se nos dea este premio, tan só o feito de ter sido nominada a Deputación é unha mostra do traballo feito en prol da innovación e do talento da cidadanía da provincia de Pontevedra”.

“Emprender na miña escola” e proxectos de futuro

A Presidenta provincial tamén anunciou a posta en marcha dun novo programa de emprendemento, destinado esta vez ao alumnado escolar do terceiro ciclo de primaria (quinto e sexto). Baixo o nome de “Emprende na miña escola” (EME), os rapaces e rapazas crearán e xestionarán no curso 2016/2017 unha cooperativa na que fabricarán produtos que van vender unha vez ao ano, nun mercado ou feira da súa localidade. Carmela Silva sinalou que “este tipo de proxectos aínda non son habituais en España porque non temos unha cultura de emprendemento, pero quixemos facer este proxecto piloto porque consideramos que ademais da educación regrada é importante que os rapaces e rapazas coñezan a potencialidade da súa contorna e que elaboren os seus propios proxectos será moi beneficioso”.

Tamén avanzou unha serie de proxectos relacionados co fomento e visibilización das mulleres emprendedoras, así como a creación dunha estrutura de atención integral ao emprendemento na que os e as emprendedoras poderán recibir todo tipo de información, como as distintas vías de financiamento e o asesoramento para conseguilo así como a elaboración dun proxecto conxuntamente.

- Publicidade -spot_img