spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra celebra o 'I Econtro Provincial pola Inclusión'

A Deputación de Pontevedra celebra o ‘I Econtro Provincial pola Inclusión’

programacion-copiar

Carmela Silva, inaugurará a xornada encadrada no compromiso da institución provincial pola construción dunha sociedade inclusiva e diversa

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugura este venres, acompañada pola Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o Deputado de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, o “I Encontro Provincial pola Inclusión” celebrado ao abeiro do mes de decembro dedicado ás persoas con diversidade funcional e que comezou o día 3, declarado pola ONU como Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A Deputación de Pontevedra, deste xeito, amosa o seu compromiso coa sociedade e con estas persoas, co obxectivo de construír unha provincia inclusiva e diversa no que se garanta o dereito que teñen todas estas persoas a contar cunha boa calidade de vida.

A xornada, que terá lugar no Pavillón do Centro Príncipe Felipe, comezará ás 10:00 horas e clausurarase arredor das 13:00 horas. Trala inauguración da presidenta e os deputados, comezará a programación do encontro que leva por lema “Accións transformadoras para unha provincia diversa, inclusiva e sostible”. Durante o acto terán lugar diversas roldas de intervencións ou encontros, nos que participarán directores e directoras, presidentes e presidentas, xerentes, persoal técnico e demais membros de diversas entidades sociais da provincia. Nelas, falarán da súa situación actual no ámbito da diversidade funcional, dando conta tanto das súas oportunidades pero tamén das súas limitacións, falarán de como poden contribuír estas entidades á configuración dunha sociedade sostible, debaterán sobre cales son as pautas e as liñas de colaboración a seguir coas administracións públicas, falarán da inclusión das persoas con diversidade funcional, inclusión laboral e tamén na educación social, así como da atención sociosanitaria e, ademais,poderán amosar ao mundo as iniciativas e os proxectos nos que están a traballar nestes eidos.

A programación do evento complétase con diversas actuacións artísticas da man do Coro da Asociación de discapacitados intelectuais Virxe da O Centro Méndez Núñez (que interpretará a panxoliña “Santa Clausiscoming to town”), da Compañía de Danza da Fundación Igualarte, do Grupo de Teatro da Asociación de discapacitados intelectuais Virxe da O. Centro Méndez Núñez (representando os últimos actos de “Romeo e Xulieta” de Shakespeare) e, por último, unha actuación musical do grupo XROCK, que será o encargado de clausuralo.

Lembramos que na provincia de Pontevedra hai preto de 50.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional recoñecida, unhas cifras que ascenden a arredor de 125.000 en Galicia e un total de 3 millóns en España. Pontevedra é ademais a provincia galega cunha maior porcentaxe de persoas con diversidade funcional, cun 5,12% fronte ao 5,07% da Coruña, o 3,07% de Ourense e o 2,74% de Lugo (a media galega atópase no 4,56%), segundo os datos recollidos na última edición da “Base Estatal de datos de personas con discapacidad” que elabora anualmente o Imserso e que foi publicada en febreiro deste ano con datos a día 31 de decembro de 2014.

 

- Publicidade -spot_img