spot_img
InicioVal MiñorNigránA Comisión Informativa de Nigrán apoia a adhesión do Concello ao convenio...

A Comisión Informativa de Nigrán apoia a adhesión do Concello ao convenio para a xestión de residuos eléctricos e electrónicos

Punto Limpio NigránEste acordo entre a administración autonómica e a FEGAMP permitirá ao municipio recoller e clasificar estes refugallos a través do punto limpo

A comisión informativa de asuntos xerais celebrada esta mañá na Casa Consistorial deu luz verde, cos votos a favor de PSOE, PP e UCN e as abstencións de Nigrán Decide e BNG, á proposta do goberno municipal de adherirse ao convenio marco de colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) nos puntos limpos.

A adhesión a este acordo, que se levará ao pleno ordinario do mes de abril, ten por obxecto dotar ao punto limpo de Nigrán do equipamento preciso para a recollida e clasificación dos materiais, compoñentes, consumibles e subconxuntos que compoñen os RAEE, tanto de orixe doméstico como os de usos profesionais.

Ponto limpo

En Galicia existen varias plantas autorizadas para o tratamento destes refugallos que deben cumprir cuns requisitos técnicos precisos e contar cunha autorización como xestor de valorización de residuos perigosos ou non perigosos, segundo sexa o caso.

comillasAs instalacións dotaranse dunha pesa específica, marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade e beirís perimetrais

Este convenio permitirá ao punto limpo de Nigrán asumir as función destas plantas, para o que se dotarán as súas instalacións coa maquinaria necesaria, de xeito que cumpran as condicións precisas para a recollida, almacenamento e clasificación de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Así, disporá de maquinaria para pesar os RAEE recollidos, marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade e beirís perimetrais e carteis distintivos correspondentes ás distintas fraccións de RAEE.

“Consideramos que é unha oportunidade para o municipio porque centralizaremos no punto limpo a recollida e xestión deste material, que nalgúns casos pode resultar nocivo”, declara o alcalde da localidade, Juan González. Deste xeito, segundo apunta o rexedor, contribuirase a minimizar os verquidos ilegais deste tipo de produtos na localidade e suporá “un plus de comodidade para os veciños”, que non terán que desprazarse ata as plantas habilitadas para tal efecto.

- Publicidade -spot_img