spot_img
InicioBaixo MiñoA cativada de Tui gozará mañá dos Bolechas no marco da penúltima...

A cativada de Tui gozará mañá dos Bolechas no marco da penúltima cita olímpica do ‘FalaRedes 2016’

a-cativada-de-tui-gozara-mana-dos-bolechas-no-marco-da-penultima-cita-olimpica-do-falaredes-2016

A cativada do concello pontevedrés de Tui terá ocasión de gozar mañá dos Bolechas no marco da penúltima cita da actividade ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ da edición 2016 do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

A pouco máis de quince días de que, á outra beira do Atlántico, o facho Olímpico chegue á cidade do Río de Xaneiro, os coñecidos personaxes de Pepe Carreiro, Os Bolechas, seguen o seu adestramento deportivo. A penúltima cita será este venres 15 en Tui, onde o espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal.

Continúa deste xeito unha iniciativa de fomento do galego co empeño de promover o uso e a valoración positiva da lingua galega, especialmente entre a infancia. A familia animada máis famosa de Galicia participa así dunha actividade para animar a nenas e nenos a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida e, nesta ocasión, aproveitando a celebración das Olimpíadas, incídese no ámbito do deporte, un espazo fundamental para a socialización da xente miúda.

Un espectáculo participativo

O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia a partir dun tema de plena actualidade e nun contexto no que os seis famosos irmáns e mais a súa mascota requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación que se busca con esta proposta non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar aforo.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

- Publicidade -spot_img