spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Casa das artes de Vigo, última parada da Mostra "Violencia Zero"

A Casa das artes de Vigo, última parada da Mostra “Violencia Zero”

a-casa-das-artes-de-vigo-ultima-parada-da-mostra-violencia-zero

A Presidenta da Deputación de Pontevedra reivindicou a necesidade dun pacto de Estado contra a lacra da violencia machista

Carmela Silva, acompañada pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou hoxe a última parada na itinerancia da mostra “Mulleres en acción: Violencia Zero“. A quenda tivo lugar na Casa das Artes de Vigo e a partir deste mesmo luns e ata o vindeiro 25 de novembro a mostra poderase ver neste museo de luns a venres entre as 18:00 e as 21:00 horas, os sábados de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas e, os domingos e festivos, en horario de 12:00 a 14:00 horas.

Silva asegurou que “a loita contra esta masacre ten que durar os 365 días do ano, e por iso esta exposición percorreu a nosa provincia durante todo o ano. Non é posible que unha sociedade que queira chamarse moderna e avanzada permita que milleiros de mulleres padezan violencia de xénero ata o límite de ser asasinadas, esta cuestión ten que mover a todas as mulleres e homes e obrigar ás administracións a que dean todos os pasos adiante para erradicar este problema”.

A Presidenta da Deputación fixo unha serie de reivindicacións ao reclamar, entre outros asuntos, “máis recursos que lles permitan saír desa terrible dor que provoca o maltrato ás mulleres que o padecen. Queremos que no eido educativo a loita contra a violencia de xénero e a favor da Igualdade ocupe espazos moi relevantes, queremos campañas de concienciación, un pacto de Estado contra a violencia de xénero porque non hai nada máis relevante que traballar todas e todos xuntas e xuntos para evitar que siga habendo mulleres que sofren e padecen desta forma a violencia polo simple feito de ser mulleres”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou que “o que fai a Deputación é moi importante porque sería impensable que isto se levase a cabo hai só ano e medio dende ela, xa que estes valores non estaban presentes. A Deputación de Pontevedra está avanzando dende o político para levar os valores e as causas a todos os ámbitos e que así a decencia estea presente en todos os espazos”.

Esta última parada en Vigo forma parte do percorrido que estivo a facer a mostra “Mulleres en acción: Violencia Zero” polos concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista, o que permitiu que milleiros de persoas se puidesen achegar aos resultados deste innovador proxecto. Ademais de Vigo, anteriormente foron diversos espazos públicos dos concellos de Pontevedra (no Museo de Pontevedra), Tomiño (no mercado municipal), Lalín (na Casa do Concello), Tui (na Área Panorámica), Caldas de Reis (no Auditorio municipal), Redondela (na Casa da Cultura), Vilagarcía (na Casa do Concello), Cangas (na Casa da Cultura) e Moaña (no instituto As Barxas) quen a acolleron.

Mulleres en acción: Violencia Zero” recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, que desenvolveron simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, de 2015 en dez concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis) once artistas galegas en cuxas accións se falou do amor primixenio que remata transformado na dor que sofren as mulleres vítimas da violencia machista, se expuxo a necesidade de eliminar a imposición de roles xerme da violencia machista e se propuxo unha pintada colectiva na fachada da casa do concello de Cangas, visualizar a ruptura da imaxe da muller sumisa e carente dun destino propio ou crear un manto de protección contra todas as muller que o precisen fronte á violencia de xénero, entre outras cuestións.

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de lle dar corpo a “Mulleres en acción: Violencia Zero” con diferentes recreacións artísticas o pasado 25 de novembro. Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visualiza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

- Publicidade -spot_img