spot_img
InicioVal MiñorBaionaA 'Baiona Atlantic Race' chega ás Azores e o Saint Maxime de...

A ‘Baiona Atlantic Race’ chega ás Azores e o Saint Maxime de Miguel Lago é o primeiro barco en cruzar a liña de chegada

El Saint Maxime del Monte Real Club de Yates - Foto © Rosana Calvo (Copiar)

O barco do Monte Real Club de Yates foi o máis rápido en completar as 865 millas da primeira etapa da competición entre Baiona e Angra do Heroismo.A tripulación patroneada polo vigués Miguel Lago navegou a unha velocidade media de 7.2 nós e empregou 5 días, 13 horas e 43 minutos no seu percorrido

O Saint Maxime do Monte Real Club de Yates foi o primeiro barco en cruzar, esta madrugada, a liña de chegada da Baiona Angra Atlantic Race, a regata oceánica que se celebra estes días no Atlántico organizada polo MRCY e o Angra Iate Clube.

Miguel Lago celebra con su tripulación la Baiona Angra Atlantic Race (Copiar)

A tripulación galega foi a máis rápida en completar as 865 millas da primeira etapa da competición, que o pasado domingo partía da vila mariñeira de Baiona rumbo á localidade azoriana de Angra do Heroismo.

Segundo o sistema de tracking instalado a bordo do barco, o Saint Maxime navegou a unha velocidade media de 7.2 nós, alcanzando máximos de 11.6 por momentos, e empregou 5 días, 13 horas e 43 minutos horas en finalizar o percorrido. Esta madrugada, ás 2:43 hora española, foi o primeiro en cruzar a liña de chegada situada en Illa Terceira e converteuse no gañador en tempo real da primeira etapa da Baiona Angra Atlantic Race.

Á roda do barco, un Shipman de carbono de 50 pés deseñado por J&J Desing e armado por José Miguel Roquette, ía un dos grandes nomes da náutica en Galicia, o vigués Miguel Lago. Gañador da I Ruta do Descubrimento en 1984, da Volta Europa e da Fasnet Race no 93, de tres edicións da Sardinia Cup e outras tantas Copas do Rey, este experimentado trimmer suma agora una novo triunfo ao seu extenso currículo de vitorias náuticas.

Xunto a el, completando a tripulación, tres dos seus habituais compañeiros de regatas, Juan José Lago, Gerardo Alonso e Javier Lago, e outros dous destacados regatistas, Daniel Méndez e Guillermo Caamaño. Un equipo de seis que soubo complementarse á perfección para colocar ao Saint Maxime á cabeza da regata en todo momento e cruzar a liña de chegada en primeira posición.

O Xekmatt de José Carlos Prista, da Asociación Naval de Lisboa foi, sen dúbida, outro dos barcos importantes desta primeira etapa da Baiona Angra Atlantic Race. Este equipo portugués de familiares e amigos, con máis de dez anos de experiencia en regatas e numerosas vitorias en trofeos como o Príncipe de Asturias, a Atlantic Cup de Azores e varios campionatos de cruceiro de Portugal, navegou durante os primeiros días seguindo practicamente o mesmo rumbo que o Saint Maxime, pero na recta final separáronse e tiveron menos sorte que os galegos. Cruzaron segundos a liña de chegada unhas cinco horas despois que o primeiro.

O resto da frota navegou algo máis distanciada dos primeiros e bastante agrupada entre si. O Atlantis do Liceo Marítimo de Bouzas, patroneado por Iván Prieto, e con tecnoloxía de software libre a bordo, encabezou a este grupo a maior parte do tempo, navegando a unha velocidade media de 5.9 nós e alcanzando os 10 por momentos. Xunto a el, o Free Spirit de Yann Lascan, do Real Club Marítimo de Abra; e o Cleopatra de José Rafael Ribero, da Asociación Náutica de Recreo. Algo máis despegada foi a tripulación do barco máis pequeno da frota, o Brumario, do Club Náutico de Ribeira, con Alejandro Pazó aos mandos.

O Pakea Cadenote Un, do premio nacional de vela Unai Basurko, decidiu finalmente abandonar a primeira etapa da competición. Tras sufrir varios problemas técnicos que o obrigaron a regresar á península e a ter que retomar a regata máis tarde, a tripulación decidiu retirarse e acender motor para chegar a Angra do Heroismo a tempo e poder realizar a segunda etapa, de regreso a Baiona.

O Pakea sumouse así ao Moflete e ao Txole, retirados da proba ás poucas horas de tomar a saída por diversos problemas co barco. O décimo barco inscrito na regata, o Dulcamara de Henril Olsson, non chegou a partir por problemas no motor.

A entrega de premios da primeira etapa da Baiona Angra Atlantic Race celebrarase o vindeiro mércores no Angra Iate Clube, e xusto un día despois, o xoves 14, dará comezo a segunda etapa, entre Azores e Baiona.

- Publicidade -spot_img