spot_img
InicioPontevedra e Área500 viveiristas participarán nun congreso internacional que terá lugar en Pontevedra os...

500 viveiristas participarán nun congreso internacional que terá lugar en Pontevedra os días 13 e 14 de maio

vivero empreasa PonteveraO Congreso Internacional de Viveirismo está organizado pola Fundación Incyde (Federación de Cámaras de Comercio de España) e a Deputación de Pontevedra. Terá lugar os días 13 e 14 de maio na sede de Afundación, en Pontevedra.

Segundo explicaron hoxe en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o presidente de Incyde, Javier Collazo, o congreso prestará especial atención e orientación cara ós sectores produtivos estratéxicos da provincia.

Organizado pola Deputación e a Fundación Incyde, desenvolverá accións orientadas a xestores e viveiros de empresas sobre organización, xestión, financiamento e políticas de emprendemento

No congreso desenvolveranse as seguintes accións: xornadas e grupos de traballo orientados a xestores de viveiros de empresas sobre organización, xestión, financiamento e políticas de emprendemento; acceso ó financiamento para as empresas viveiristas; desenvolvemento de experiencias internacionais comparadas; xornadas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico; e un networking activo (rede de contactos e oportunidades de negocio entre os asistentes).

Os relatores serán destacadas personalidades coma Emilio Duró, que impartirá a charla inaugural, consultor, asesor e profesor de universidades nacionais e internacionais que participa en numerosos programas de televisión; José María Piñeiro Campos, director xeral de Fondos Comunitarios para España; Ignacio Rivera, conselleiro delegado da empresa cervexeira Hijos de Rivera (Estrella de Galicia, 1906, HR…); Kriengsak Chareonwongsak, profesor de Oxford e Harvard; Alberto Bosch, aventureiro, deportista e empresario que culminou a travesía integral da Antártida; e representantes para España de empresas tecnolóxicas coma France Telecom, Google, Orange Group, InnoBan ou Foro Capital Pymes.

Entre outros actos e relatorios haberá unha mesa redonda, “Grandes ideas para grandes xestores”, moderada pola delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, así como relatorios de Joaquín Dossil, de Libredon; Oscar Galante, do Instituto Nacional de Tecnoloxía Industrial (INTI); e Luis Alberto Buffoni, de Advenio Software. A lección final será a cargo de Alberto Bosch.

Entre os obxectivos do congreso figura conseguir un clima de innovación, crecemento e competencia nas empresas incubadoras. Por iso todas as accións previstas teñen como obxectivo contribuír á consecución das directrices fixadas pola UE, de modernización das micropemes, xerando interacción entre elas, realizando un networking activo e capacitándoas nas novas tecnoloxías.

Durante o congreso os viveiristas poderán coñecer novos modelos de excelencia na xestión de viveiros, da man de países líderes en emprendemento e xestión de incubadoras, de forma que poidan ser trasladadas ós espazos propios. Os viveiristas poderán recibir asesoramento de institucións e empresas líderes en materia de emprendemento e incubación, e coñecer novas oportunidades de negocio.

- Publicidade -spot_img