spot_img
InicioVal MiñorBaiona230 persoas participaron no primeiro Vertiatlón solidario celebrado en Baiona

230 persoas participaron no primeiro Vertiatlón solidario celebrado en Baiona

230 persoas participaron no primeiro Vertiatlón solidario celebrado en Baiona
Baiona celebrou cun gran éxito de público e de participación, a primeira edición do Vertiatlón Solidario, unha competición deportiva organizada polo Monte Real Club de Yates e o concello baionés co patrocinio de Verti Seguros e a colaboración da Federación Galega de Tríatlon.

Os vencedores absolutos nas categorías masculina e feminina foron Brais Misa García, do Club Atletismo Porriño, e Mar Villar Zamuz, do Trinorth Nogasa

O obxectivo da mesma, ademais de gozar da espectacularidade dun tríatlon nun marco incomparable, era recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real, que desde hai anos presta servizo a diferentes asociacións e agrupacións de persoas con discapacidade.

Os 5.750 euros recadados coas inscricións destinaranse integramente á Escola de Vela Adaptada para persoas discapacitadas do Monte Real

Os participantes das distintas categorías, desde junior a veterano, nadaron 750 metros entre as praias da Barbeira e A Ribeira, fixeron 20 quilómetros en bicicleta pola estrada principal de Baiona, e correron 5 quilómetros ao redor do Parador Nacional.

230 persoas participaron no primeiro Vertiatlón solidario celebrado en Baiona

Xunto a eles, a paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio, que ademais de amadrinar o Vertiatlón, quixo competir na proba e participar na entrega de premios celebrada nas instalacións do Monte Real Club de Yates.

Na categoría absoluta, os vencedores deste primeiro Vertiatlón Solidario de Baiona foron Brais Misa García, do Club Atletismo Porriño, e Mar Villar Zamuz, do Trinorth Nogasa. Ademais do trofeo que acredita o seu ouro na competición, recibiron como premio un seguro anual de automóbil por cortesía de Verti Seguros.

José Benito Silva Sayáns, do Axa Axencia Garriga Beariz Tríatlon, e Cristina Torres Hervés, do Club Tríatlon Mar de Vigo, recibiron os premios masculino e feminino da categoría cadete; e Xurxo Rigueira Díaz, do Club Tríatlon Mar de Vigo, o do junior masculino.

Na categoría de veteranos, os vencedores foron, José Manuel Pardo Leis, do Tríatlon Arteixo, e María del Carmen Cabaleiro, do Club Ciclista de la Fuente.

Entregáronse premios, ademais, aos primeiros clasificados xerais censados en Baiona, que foron Sandra Santodomingo Fabián e Antonio Liébanas Méndez ; e sorteáronse oito seguros entre todos os participantes.

230 persoas participaron no primeiro Vertiatlón solidario celebrado en Baiona

Ao finalizar a repartición de trofeos, o Director Xeral de Verti Seguros, Enrique Flores, que tamén competiu no tríatlon, fixo entrega ao Monte Real Club de Yates dun talón por un importe de 5.750 euros. Esa cantidade, recadada coas inscricións da proba, destinarase integramente á Escola de Vela Adaptada do Monte Real para persoas con discapacidade.

O encargado de recollelo foi o vicepresidente do club baionés, Alejandro Retolaza, quen agradeceu a Verti, ao concello de Baiona e á Federación Galega de Tríatlon o facer realidade esta competición solidaria. Destacou tamén o apoio dun gran número de firmas e empresas que colaboraron de forma altruísta co Vertiatlón.

Retolaza acabou a súa intervención agradecendo a todo o público a súa participación e lanzando ao aire o desexo de poder reunilos, o ano que vén, nunha segunda edición da competición.

 

- Publicidade -spot_img